sábado, 12 de maio de 2012

Hoxe quixera

Inventar a verba máis fermosa:
Unha verba infinita que recolla
todo o que está a pasar neste maio longo,
nestas lúas nunha terraza do Berlín máis azul
que agora admiro cos ollos que nunca tiven.
Con mel e salmón, con nubes e estrelas
de realidades perpendiculares.
Escoito 'Moraima' e eu creo que me derrito co
tremer das miñas pernas.
Escoito a Laura lerme e consegue
levarme a un xardín espacial.
Agora son unha astronauta apaixoada dos astros
máis pequenos, das formigas que trepan os colchóns
máis quentes da Vía Lactea.
E teño cóxegas amarelas no meu tenso abdome,
e teño a voz ronca e o olfacto pechado.
Escoito os paxaros sobrevoando as nosas mentes
saturadas nun arrebato de imaxinación
e síntome liberta dos meus peores pesadelos.
Síntome espida ante os versos máis fermosos
que son a brisa e a noite.

Hoxe quixera ser arquitecta e obreira
da verba máis fermosa que recolla todo este maio longo
en Marte
ou na Lúa.
En Berlín.

Porque "podemos vivir unha vida nunha noite"