xoves, 14 de novembro de 2013

danzando coa morte
todo semella de metal

domingo, 3 de novembro de 2013

(de amor e destrución masiva)


Unha proposición indiscreta,
se ti queres, pero só se ti queres
podemos sentarnos xuntas a mirar como se extingue a Terra
ollar a Lúa -xa demasiado tarde-
con vidrosa mirada cargada de culpa humana
ollar o mar bater contra as pedras da Praia das Cavernas
agora sabemos que está enfadado
intentar librarnos do noso atroz e abominábel crime
por ter chegado aquí
por deixarnos levar coa cara tapada e
polo noso propio pé
por formar parte deste sospeitoso delirio social
entón eu quixera facer
outra proposición indiscreta
se ti queres, pero só se ti queres
podemos sentarnos xuntas a mirar como exterminan a Terra
(non creo xa que estemos a tempo de vela extinguir)
ollar unha loita de xigantescos monstros atómicos que tapan a Lúa
ollar un eterno mar morto nas nosas mans
e buscar algo de amor onde sempre queda
e da man desde o principio da fin
se ti queres, pero só se ti queres
podemos levantarnos xuntas para que non nos leven a Terra