venres, 23 de agosto de 2013

Bolboreta

Estou segura de que foches bolboreta noutra vida. Sabémolo ben cando as forzas sobrepasan o linde, cando asoman enerxías atómicas, cando se ergue dende a terra un silencio pensativo. Entón é cando penso o moito que eu quixera construir o planeta que mereces, para que saíras a voar antes da cea.

A C. Irene White Leboreiro. Non hai que ser poeta para vivir en poesía.

verbas fúnebres (09/07/13)

sento baixo a cálida esfera
recollo as imaxes postas no camiño
-coma se foran migas de pan-
para lembrarme tal día coma hoxe
do agridoce xa andado

o cansanzo é a apocalipse
dunha vida de trincheira
que derrete a harmonía
-o cansanzo é a guerra
contra un eu xa pétreo-

e ti estabas moi cansa
e durmiches.